viernes, 22 de octubre de 2010

1º Bach Exercicios Antigo Réxime Política-Ideoloxía

4º bloque de exercicios 1º Bach. Antigo Réxime: Política-Ideoloxía

Autor: Pedro Abad

domingo, 17 de octubre de 2010

1º Bach. Exercicios Economía Antigo Réxime

2º bloque de exercicios 1º Bach, Historia do mundo contemporáneo Tema1 Autor: Pedro AbadExercicios ar 1º bach economía
View more documents from ivangranja.

jueves, 14 de octubre de 2010

1º Bach. Exercicios Demografía Antigo Réxime

1º bloque de exercicios do Tema 1 para os alumnos/as de Historia do Mundo Contemporáneo.Autor: Pedro Abad (La página de Peter).
Exercicios ar 1º bach demografía
View more documents from ivangranja.

miércoles, 13 de octubre de 2010

Modelo comentario texto 1º Bach.

COMENTARIO DE TEXTOS E DOCUMENTOS: ALGUNHAS ORIENTACIÓNS

A PRÁCTICA DO COMENTARIO DE TEXTO.

1.-O primeiro paso debe consistir na atenta lectura do documento. Unha lectura realizada coa suficiene profundidade, que debe permitir non só a percepción do asunto xeral que se trata, senón tamén a ordenación e xerarquización das ideas que contén. Neste traballo inicial de percepción e ordenación, o alumno debe reflexionar partir dos seus coñecementos sobre a materia.

2.-Realizado este labor debe procederse á contextualización histórica do documento. Unha contextualización que non debe limitarse ó simple ámbito cronolóxico (a data figura no documento), senón que debe ter en conta outras dimensións (política, social, económica..., segundo os casos) na medida en que nos sirvan para integrar e comprender o documento en cuestión nun determinado momento ou proceso histórico.

3.-A realización escrita dun comenario debe ser considerada ante todo como un exercicio de redacción no que, basicamente, os coñecementos da materia que cada un posúa se poñan ó servicio do documento a comentar. Nesa redacción deben estar integrados de xeito coherente todos os elementos mencionados nos puntos anteriores. O comentario debe demostrar non só os coñecemenos do alumno, senón esencialmente a súa madurez, isto é, a súa capacidade para utilizar os seus coñecementos na comprensión e explicación intelixente dun documeno, aportándolle un valor engadido.

4.-É perfectamente lexítimo que o alumno pretenda incorporar ó seu comentario apreciacións, críticas ou conclusións persoais; agora ben, esas valoracións ou posturas deben sustentarse esencialmente no coñecemento histórico, e non simplemente na ética individual fronte ós máis diversos fenómenos

5.-Un comentario escrito esixe, en último termo, respectar as pautas básicas que rexen a expresión escrita: a precisión léxica, a corrección da sintaxe, a claridade na expresión e na exposición de ideas, a corrección xeral da presentación formal... son aspectos a ter tamén en conta.

ALGÚNS PROBLEMAS FRECUENTES.

A)Todos os documentos que se propoñan para comentar estarán debidamente identificados (autor, data, obra); ademais, irán precedidos dalgunhas aclaracións que axuden a centralos nun asunto ou proceso concreto. Neste nivel, non se trata de realizar ningún tipo de crítica documental, polo que as observacións sobre o carácter ou tipoloxía do documento resultan cando menos superfluas, e en moitas ocasións son confusas, erradas e empobrecedoras.

B)Un defecto frecuente, que pon de manifesto o escaso dominio da técnica do comentario, así como a falta de madurez, é a paráfrase; consiste nunha repetición, case textual, dos contidos do texto, sen análise nin comentario.

C)O defecto contrario á paráfrase é o escapismo; consiste en utilizar o documento como mero pretexto ou excusa para desenvolver un "tema" máis ou menos relacionado con el. Isto supón a conversión dun comentario na resposta a unha pregunta, que no mellor dos casos trataría o "asunto xeral" no que se pode integrar o documento, pero que non pode ser validada como un auténtico comentario, por máis coñecementos que demostre.

D)O comentario non ten por que ser moi extenso. Saber centrarse nos aspectos principais, sintetizar o que se quere dicir, son tamén virtudes dun bo comentario e demostran claridade de ideas.








Texto A:


A nosa familia non cesaba de aumentar e o berce estaba constantemente ocupado, aínda que, houbo tempos, teño que confesalo, en que me parecía cruel levar fillos no ventre para perdelos logo e ter que enterrar amor e esperanzas nas súas pequenas tumbas (...). A maior das miñas fillas, Cristina Sofía, non viviu máis que ata a idade de tres anos, e tamén o meu segundo fillo, Christian Gottlieb, morreu á máis tenra idade. Ernesto Andrés non viviu máis que uns poucos días máis, e a nena que lle seguiu, Regina Juana, tampouco chegara ao seu quinto aniversario cando deixou este mundo. Cristina Benedicta, que viu a luz un día despois de que o do Neno de Belén, non puido resistir o cru inverno e deixounos antes de que o novo ano chegase ao seu cuarto día (...) Cristina Dorotea non viviu máis que un ano e un verán, e Juan Augusto non viu a luz máis que durante tres días. Así perdemos sete dos nosos trece fillos, (...) bondadosas mulleres da veciñanza trataban de consolarme dicíndome que o destino de todas as nais é traer fillos a este mundo para perdelos logo, e que podía considerarme feliz se chegaba a criar a metade dos que dese a luz.”


A pequena crónica de Ana Magdalena Bach.
*O libro é un texto anónimo, posiblemente escrito no século XIX. Non pertence, pois, á segunda esposa do compositor, pero ilustra ben sobre a vida do mesmo e o mundo en que se desenvolveu.


Texto B:


"É só na miña persoa onde reside o poder soberano, cuxo carácter propio é o espírito de consello, de xustiza e de razón; é a min a quen deben os meus cortesáns a súa existencia e a súa autoridade; a plenitude da súa autoridade que eles non exercen máis que no meu nome reside sempre en min e non pode volverse nunca contra min; só a min pertence o poder lexislativo sen dependencia e sen división; é pola miña autoridade que os oficiais da miña Corte proceden non á formación, senón ao rexistro, á publicación e á execución da lei; a orde pública emana de min, e os dereitos e os intereses da Nación, dos que se adoita facer un corpo separado do Monarca, están unidos necesariamente ao meu e non descansan máis que nas miñas mans."


Discurso de Luis XV ao Parlamento de París o 3 de marzo de 1766.


Texto C:


En cada Estado hai tres clases de poderes: o lexislativo, o executivo das cousas pertencentes ao dereito de xentes, e o executivo de que pertencen ao civil.
Polo primeiro, o príncipe ou o maxistrado fai as leis para certo tempo ou para sempre, e corrixe ou deroga as que están feitas. Polo segundo, fai a paz ou a guerra, envía ou recibe embaixadores, establece a seguridade e prevén as invasións; e polo terceiro, castiga os crimes ou decide as contendas dos particulares. Este último chamarase poder xudicial; e o outro, simplemente, poder executivo do Estado (...).
Cando os poderes lexislativos e executivo áchanse reunidos nunha mesma persoa ou corporación, entón non hai liberdade, porque é de temer que o monarca ou o senado fagan leis tiránicas para executalas do mesmo xeito.
Así acontece tamén cando o poder xudicial non está separado do poder lexislativo e do executivo. Estando unido ao primeiro, o imperio sobre a vida e a liberdade dos cidadáns sería arbitrario, por ser un mesmo o xuíz e o lexislador e, estando unido ao segundo, sería tiránico, por canto gozaría o xuíz da forza mesma que un agresor.
No Estado en que un home só, ou unha soa corporación de próceres, ou de nobres, ou da vila administrase os tres poderes, e tivese a facultade de facer as leis, de executar as resolucións públicas e de xulgar os crimes e contendas dos particulares, todo perderíase enteiramente.”


Montesquieu. O espírito das leis. 1748.


MODELO DE COMENTARIO:


A)


Esta crónica ilustra á perfección unha das características básicas do réxime demográfico na Europa do Antigo Réxime: unha elevada natalidade acompañada de altos índices de mortaldade, infantil neste caso.


Que o “berce” estivera “constantemente ocupado” responde as seguintes causas:


En primeiro lugar, nesta época os fillos considéranse necesarios para o traballo nas labores do campo e do fogar (nunha economía baseada na agricultura cantos máis brazos mellor). Ademáis, éstes non conlevarán ningún tipo de gasto económico relacionado cos estudos ou formación (como ocorre na actualidade), simplemente porque, na meirande parte dos casos, non cabe esta posibilidade. Por outra banda, temos que ter en conta que non se empregan métodos anticonceptivos que puidesen limitar o número de embarazos, pois non existen. E non existen, en grande medida, debido ao peso na sociedade dunha relixión (católica ou protestante) que fomenta a natalidade seguindo unha liña que poderíamos calificar de ancestral, ininterrumpida dende a Prehistoria, ou instintiva (fillos = supervivencia).


Así que atopámonos fronte a un modelo de familia predominante, o da familia numerosa. E aínda sería máis pródiga de non ser pola incidencia dunha elevada mortaldade infantil, tal e como pon de manifesto a frase “perdemos sete dos nosos trece fillos”. Este fenómeno, non moi lonxano no tempo e todavía presente en moitas zonas do noso planeta, ten a súa orixe en diversos factores. Poderiamos salientar os escasos medios cos que se conta para enfrontarse a: partos difíciles, infeccións, epidemias, malnutrición... (“non puido resistir o cru inverno”).


Pero, ¿como se explica que nunha sociedade onde as familias conseguen sacar adiante 5 ou 6 fillos o crecemento natural sexa lento ou baixo? O panorama do réxime demográfico antigo complétase cunha elevada taxa de mortaldade, non só infantil, que parte de tres grandes axentes: epidemias (pestes, viruela...), guerras e fame. Os homes e mulleres do antigo réxime viven menos anos que os cidadáns que habitan este continente na actualidade (menor esperanza de vida debida fundamentalmente ao escaso desenvolvemento da mediciña e a malnutrición – dieta baseada no trigo con débil inxesta de proteinas -) e sofren habitualmente o efecto de mortaldades catastróficas (grandes guerras; malas colleitas ou catástrofes naturais que xeneran crises de subsistencia; epidemias...).


En definitiva, o comportamento demográfico da sociedade estamental, dos súbditos do monarca absoluto, caracteríazase por presentar uns altos índices de natalidade e de mortaldade (tanto infantil – como deixa patente este texto- como xeral) e, por tanto, un escaso crecemento natural. Esta situación variará progresivamente. A partires da segunda metade do século XVIII algunhas rexións de Europa comezan a experimentar unha serie de melloras (redución das malas colleitas, menor incidencia das guerras, avances en hixiene...) que reducen a mortaldade e provocan un forte crecemento poboacional. Este crecemento mantense durante as primeiras décadas do proceso de industrialización para posteriormente dar paso a unha limitación dos nacementos que ralentizará dita expansión. Pero esa é outra historia.








B)


Este discurso de Luis XV no Parlamento, fonte histórica e primaria, representa unha clara manifestación do modelo político propio do período histórico que hoxe coñecemos como Antigo Réxime. Este modelo é o absolutismo. Foron necesarios varios séculos para construir e afianzar este sistema:


Xa desde finais do século XV (Reis Católicos, Enrique VIII...) os monarcas tratan de derrubar as tres grandes barreiras que limitan as súas decisións, a súa “autoridade”. Por unha parte a coroa terá que eliminar o obstáculo representado polos poderes locais (señoríos xurisdiccionais, concellos....), que actúan como reinos dentro do reino, que supoñen unha dualidade en aspectos tan importantes como o cobro de impostos (fiscalidade) e a aplicación da xustiza. En segundo lugar terá que crear unha administración capaz de controlar e ordenar un territorio moi fragmentado (corpo de funcionarios: intendentes, correo, exército...) e así reducir a dependencia e insubordinación dos mencionados poderes locais (“a plenitude da súa autoridade […] non pode volverse contra min” afirma Luis XV). Por último terá que debilitar o papel político das chamadas asambleas representativas (Parlamento, denominado Estados Xerais en Francia), órganos a través dos cales os representantes dos tres estamentos dirixían as súas peticións ao monarca, anulando en ocasións as pretensións da coroa (lexislando).


Para chegar a impoñer o seu criterio sobre nobreza e clero, e deixar de ser o “primus inter pares”, o monarca terá que aliarse cos poderosos dando lugar ao que se coñece como nobreza de toga (afín aos intereses do monarca): nobreza e clero aceptan o monopolio do poder por parte do monarca, pero manteñen os seus privilexios. Así chegamos á figura do monarca absoluto, do mandatario que concentra os tres poderes do Estado (só a min pertence o poder lexislativo”), que posúe a soberanía ( “É só na miña persoa onde reside o poder soberano” - soberanía Real) e outorga autoridade aos seus subordinados (“a plenitude da súa autoridade que eles non exercen máis que no meu nome reside sempre en min”). “O Estado son Eué unha sentencia aribuida ao pai de Luis XV, ao “rei sol”, que sintetiza o funcionamento dun sistema no que o monarca, propietario do reino, fai e desfai o seu antollo, arbitrariamente, sen que ninguén poida interpoñerse ou anular calquera das súas decisións.


O monarca xa non é a cabeza do Estado co consentemento dos poderosos, o seu poder procede directamente de Deus (xustificación divina do poder), tal e como defende o bispo Bossuet anos antes deste discurso. Os cidadáns, en realidade súbditos, non teñen dereitos políticos, isto é, non existe ningunha vía para participar na toma decisións que afecten ao reino, todas as decisións proceden do monarca ( “os dereitos e os intereses da Nación [...] están unidos necesariamente ao meu e non descansan máis que nas miñas mans”).


O Despotismo ilustrado (“Todo para o poibo pero sen o pobo”) modificará levemente o sistema (monarca preocupado pola felicidade do pobo), pero os fundamentos seguirán intactos. Serán as diferentes revolucións liberais, apoiadas no corpus ideolóxico dos ilustrados e no poder económico da burguesía, as que convertirán o absulutismo en algo propio do pasado, do Antigo Réxime, arrebatando a soberanía arriba (monarca) para depositala abaixo (pobo). Así chegaremos á implantación do modelo de Estado liberal. ás Constitucións que garanten a Soberanía Nacional, a división de poderes e uns dereitos e deberes iguais para todos.